Friday 29 de March de 2024

O Concello de Santiago destinará 600.000 euros ao mantemento e reparación dos espazos públicos do núcleo urbano


O concelleiro de Obras, Gonzalo Muíños, acompañado polo arquitecto xefe do Servizo de Proxectos e Obras, Antonio Ranedo, presentou hoxe en rolda de prensa os detalles de dous novos pregos que rexerán os servizos de mantemento e reparación dos espazos públicos e dos pavimentos asfálticos dos viarios no núcleo urbano, o primeiro por un importe de 600.000 euros e o segundo, por 800.000 euros. Tamén se presentou o novo contrato por obras para a rehabilitación dos firmes das rúas Alfredo Brañas, Santiago de Chile, Canteiras do Sar, Forniños. Amio-Carballa-Seoane, travesa da Estrada, Combarro-travesa de Combarro, Diego Bernal, O Pino e Mallou de Abaixo, actuacións que comenzarán nos vindeiros semanas e contarán cun orzamento de máis de 458.000 euros.

Segundo explicou Gonzalo Muíños, o primeiro dos pregos, ao que se destinará un orzamento de 299.999,99 euros por ano, ten como obxecto a contratación do servizo de operacións de conservación, mantemento, reparación e pequenas reformas nos espazos públicos do entorno urbano, así como o mantemento do mobiliario urbano.

Estas actuacións serán realizadas por persoal especializado (oficiais de construción, canteiros, etc.) e coa maquinaria pertinente co fin de levar a cabo o acabado do pavimentos empedrados, formigóns “in situ”, prefabricados, cantería, entarimados… Así, entre os espazos da contorna urbana cubertos por este contrato, atópanse a reparación das beirarrúas, espazos peonís, viarios empedrados, calzadas e bandas de aparcamento de formigón ou pétreas… o que supón tarefas de reparación das fallas do pavimento, recolocación de baldosas, reconstrución de muros ou sillería, etc.

Así mesmo, inclúense as actuacións sobre o mobiliario urbano dos espazos públicos tales como a substitución de bancos, papeleiras, xardineiras, varandas, aparcabicis…

Este novo contrato terá unha vixencia de 2 anos, con posibilidade de prórroga outros dous anos, e “servirá de reforzo aos traballos máis urxentes e menores levados a cabo ata o momento pola Brigada Municipal”, detallou Gonzalo Muíños, que tamén recordou que “o prego desta licitación foi aprobado o pasado luns pola Xunta de Goberno local e as empresas interesadas poderán presentar a documentación pertinente ata o 21 de febreiro”.

No segundo prego presentado, descríbense en detalle as tarefas e condicións técnicas que rexerán o contrato da prestación do servizo para operacións de conservación e reparación dos pavimentos asfálticos dos viarios do núcleo urbano, así como para o mantemento dos elementos de sinalización, balizamento e defensa.

Tamén comprenderá todas as intervencións necesarias sobre as áreas do viario cuxo pavimento sexa terreo natural, estendido ou refino de capas de áridos de achega (saburra, macádam, xabre, grava…), chans estabilizados, pavimentos terrizos, etc.

Este contrato, do cal “está a piques de saír a licitación”, terá unha vixencia de 2 anos, con posibilidade de prórroga por outros dous anos, e contará cun orzamento de 400.000 euros por ano.

Obras de rehabilitación das vías urbanas

O concelleiro tamén anunciou o lanzamento dun novo contrato para a realización de obras de rehabilitación dos firmes de dez vías da cidade. En concreto, destinarase un importe por valor de 458.811,10 euros para cubrir as actuacións de mantemento nas rúas Alfredo Brañas, Santiago de Chile, Canteiras do Sar, Forniños, Amio-Carballa-Seoane, travesa da Estrada, Combarro-travesa de Combarro, Diego Bernal, O Pino e Mallou de Abaixo.

Gonzalo Muíños explicou que neste caso “a empresa xa foi adxudicada e está pendente de mandar a documentación”. Este proxecto “forma parte dun primeiro lote que cubrirá unha superficie total de 26.275 metros cadrados de vías urbanas, e aínda queda pendente un segundo lote do que se está a redactar o documento”, puntualizou o edil.